domingo, 26 de febrero de 2012

DECRECER: ¿UNHA ALTERNATIVA Á CRISE?

Só algúns valentes como o profesor Carlos Taibo difunden o decrecemento, pois non é un movemento moi estendido, pero eu véxoo como unha posible alternativa á crise económica e medioambiental. Penso no decrecemento como unha forma de escape, pero tamén como unha forma de vida que era normal ata hai pouco. Coincido co profesor en que non todos deben decrecer: os pobres que habitan nos países máis desenvoltos e a cidadanía que reside en países pobres deben crecer. Así mesmo, o crecemento das sociedades máis desenvoltas non implica a felicidade das persoas, pois como na metáfora do pescador mexicano e do turista estadounidense, hai persoas que co pouco que teñen son felices. Como contraste, chamoume a atención a porcentaxe de infelicidade da poboación de EE.UU. pois aumentou nos últimos anos a pesar de vivir nun dos países máis avanzados do mundo en tecnoloxía, infraestruturas e recursos.
Por outro lado, o crecemento económico de países como EE.UU ou España, realízase a costa da explotación do medio ambiente e do esgotamento dos recursos, algúns dos cales non se recuperarán. O exemplo da alta velocidade pódese aplicar ao recente tren Ourense-Santiago: ¿alguén se parou a pensar o impacto ambiental que conlevou dar paso a este tren nas montañas galegas? Supón un avance en transporte, pero un claro retroceso na paisaxe galega. Os argumentos do profesor Taibo foron convincentes e penso que a moitos nos fixeron reflexionar, pois eu nunca analizara a sociedade dende a perspectiva do decrecemento.

1 comentario:

  1. Iria estoy de acuerdo contigo.
    No nos paramos a pensar en los daños que provocamos al medio ambiente con nuestra acciones individualistas y egoístas, porque solo vemos como fin "nuestra felicidad" que tras ver la conferencia es más infelicidad y consumismo que ser felices

    ResponderEliminar