jueves, 29 de marzo de 2012

¿É esta a paisaxe que queremos?


As fotografías da presentación retratan paisaxes que poden ser observadas desde a estrada que une Ourense con Castro de Beiro (6 km), paralela á coñecida estrada da “costiña”. Concretamente, as imaxes foron tomadas o 28 de marzo do 2012 e, nun tramo de apenas 200 metros, achei unha gran cantidade de lixo espallada polo monte, e virei a miña mirada cara outro lado, e atopeime coa desoladora paisaxe do monte ardido: árbores e arbustos calcinados e, incluso, a presenza, aínda, dun “tímido” fume.
É verdadeiramente desolador comprobar ata que punto pode chegar a irresponsabilidade e a falta de conciencia medioambiental dos seres humanos. Varios tramos do monte están convertidos en auténticos vertedoiros nos que se poden observar todo tipo de aparellos e residuos: pezas de coches, caixas de bebidas, latas, botellas de plástico e de vidro, sofás, lavadoras, restos de mármore e azulexos dunha obra, ladrillos, bolsas de escaiola, bolsas de plástico de lixo, neumáticos… E a carón deses “vertedoiros”, obsérvanse os tristes resultados dos incendios, a maioría dos cales son provocados, directa ou indirectamente, pola acción humana. Por outra parte, non é de estrañar que o lume se estenda e propague con facilidade tendo en conta a gran cantidade de lixo que hai no monte. Pero non nos podemos quedar só no claro e evidente impacto visual e estético deses montes queimados. O seu impacto e repercusión vai máis alá: destrución da biodiversidade, aumento da desertificación, diminución da calidade das augas e da atmosfera…
É, sen dúbida, unha desoladora paisaxe que se atopa ben preto da nosa cidade. Moitas veces, cando pensamos en problemas medioambientais, cremos que é algo afastado de nós, moi global, ante o cal non podemos facer nada… Aquí temos un claro exemplo de que si somos responsables de ataques contra o medioambiente e de que si podemos levar a cabo accións locais para previr ditas agresións.
Ogallá estas fotos nos fagan, cando menos, reflexionar… 

No hay comentarios:

Publicar un comentario