As fotografías da presentación retratan paisaxes que poden ser observadas
desde a estrada que une Ourense con Castro de Beiro (6 km), paralela á coñecida
estrada da “costiña”. Concretamente, as imaxes foron tomadas o 28 de marzo do
2012 e, nun tramo de apenas 200 metros, achei unha gran cantidade de lixo
espallada polo monte, e virei a miña mirada cara outro lado, e atopeime coa
desoladora paisaxe do monte ardido: árbores e arbustos calcinados e, incluso, a
presenza, aínda, dun “tímido” fume.
É verdadeiramente desolador comprobar ata que punto pode chegar a
irresponsabilidade e a falta de conciencia medioambiental dos seres humanos.
Varios tramos do monte están convertidos en auténticos vertedoiros nos que se
poden observar todo tipo de aparellos e residuos: pezas de coches, caixas de
bebidas, latas, botellas de plástico e de vidro, sofás, lavadoras, restos de
mármore e azulexos dunha obra, ladrillos, bolsas de escaiola, bolsas de
plástico de lixo, neumáticos… E a carón deses “vertedoiros”, obsérvanse os tristes
resultados dos incendios, a maioría dos cales son provocados, directa ou
indirectamente, pola acción humana. Por outra parte, non é de estrañar que o
lume se estenda e propague con facilidade tendo en conta a gran cantidade de
lixo que hai no monte. Pero non nos podemos quedar só no claro e evidente
impacto visual e estético deses montes queimados. O seu impacto e repercusión
vai máis alá: destrución da biodiversidade,
aumento da desertificación, diminución da calidade das augas e da atmosfera…
É, sen dúbida, unha desoladora paisaxe que se atopa ben preto da nosa
cidade. Moitas veces, cando pensamos en
problemas medioambientais, cremos que é algo afastado de nós, moi global, ante
o cal non podemos facer nada… Aquí temos un claro exemplo de que si somos responsables
de ataques contra o medioambiente e de que si podemos levar a cabo accións
locais para previr ditas agresións.
Ogallá estas fotos nos fagan, cando menos,
reflexionar…